Utilizamos cookies propias e de terceiros para facer uso e análise de medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode cambiar a configuración ou obter máis información.

Nova Lei Hipotecaria: Maior protección á cidadanía

A explosión inmobiliaria protagonizou tristes episodios nos que quedaron ao descuberto os abusos cometidos pola banca: cláusulas solo, desafiuzamentos, imposición de produtos financeiros… Aínda que con atraso, o Congreso aprobou unha nova Lei Hipotecaria que entrará en vigor o 16 de xuño. Con esta foméntase a protección ao público consumidor e mellora a transparencia.

Prohibido obrigar

Coa escusa de ofrecerche mellores condicións crediticias, a entidade financeira obrigábate ou condicionábate a contratar servizos vinculados como tarxetas de crédito, domiciliacións de nóminas e pagamento de recibos e seguros vinculados á hipoteca.

Agora pódense ofrecer todos os servizos e produtos, pero o cliente ten dereito a denunciar calquera presión. A entidade financeira está obrigada a aceptar pólizas alternativas coas condicións e prestacións equivalentes ás propostas, e non poderá cobrar ningún gasto polas análises das pólizas que se lle presenten. E o que é MOI IMPORTANTE, aceptar unha póliza alternativa non debe supoñer “un empeoramento nas condicións de calquera natureza do préstamo”.

O notario vixía

A clientela poderá preguntar todos os detalles e o banco estará obrigado a contestar aclarando as cláusulas da hipoteca, a repartición dos gastos e as situacións que poidan producirse (favorables ou non). Con esta información, as persoas que decidisen contratar unha hipoteca deben acudir obrigatoriamente ao notario un día antes da sinatura para recibir asesoramento gratuíto e cumprir un test.

Ademais, prohíbense as cláusulas solo, rebáixanse as comisións por amortizacións anticipadas e amplíanse os tempos de desafiuzamento a 12 ou 15 cotas non pagadas. Ademais, todos os gastos vinculados á concesión dun crédito correrán a custa da entidade financeira, coa salvidade da taxación.