02/05/2023

Mira, o teu coche necesita Carta Verde?

Imos por partes…

En realidade, trátase do Certificado Internacional de Seguro (CIS), antes coñecido como a Carta Verde. É o documento que acredita fóra de España que o teu coche está asegurado coa cobertura obrigatoria de Responsabilidade Civil. Cobre os danos persoais e materiais que poidas ocasionar. Os accidentes sempre turban e no estranxeiro moito máis.

Así que cando viaxes fóra do Espazo Económico Europeo (EEE), recomendámosche que leves o CIS na túa guanteira. Este documento emíteo a túa compañía aseguradora, e dende a nosa “correduría” só tes que avisarnos para xestionalo. Non obstante, tes que saber que as compañías aseguradoras non están obrigadas a facilitar este Certificado, pois non todas aceptan esta cobertura fóra do EEE. E daquela que?

Non te preocupes, existe o Seguro de Fronteira

Trátase dun seguro temporal que cobre a responsabilidade civil obrigatoria fronte a terceiros, e así poder circular asegurado polo país que se solicita. Non cobre danos nin asistencia, e tampouco defensa.

Adquírese cando accedemos co noso vehículo a un país alleo ao EEE, sempre que non dispoñamos do CIS. Un dos destinos onde máis se usa é en Marrocos. Podes encontrar información de como conseguir o Seguro de Fronteira a través das “Oficinas Nacionais de Seguro” (Ofesauto) do país a onde viaxes.

Oxalá non pase, pero se sofres un accidente no estranxeiro, fai fotografías co móbil, enche o parte de accidentes e se ves que se complica, chama a policía, e, se é o caso, ao 112 que é o teléfono de emerxencias de todos os países da UE.

Se estás pensando en viaxar ao estranxeiro, consúltanos e resolveremos todas as túas dúbidas.