Utilizamos cookies propias e de terceiros para facer uso e análise de medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode cambiar a configuración ou obter máis información.

Cans Potencialmente Perigosos (ou puro amor?)

O incremento de ataques de cans cunhas determinadas características a finais dos 90 provocou a creación dunha lei que os regulase; xurdiu así a Lei de Animais Potencialmente Perigosos, dirixida á especie canina. Nesta, catalógase como PPP aqueles animais caracterizados por unha musculatura forte, aspecto poderoso, robusto e configuración atlética. Pelo curto, mandíbulas grandes e fortes e boca ancha e robusta, entre outras características que a Lei non recolle: son valentes, protectores, cariñosos e tenros, son moi nobres e fieis.

Esta lei obriga a contratar un Seguro de Responsabilidade Civil cunha indemnización mínima de 120.000 euros polos danos que puidesen provocar. Ademais, as persoas propietarias deben contar cunha licenza administrativa municipal de tenza de animais potencialmente perigosos que obriga a cumprir determinados requisitos, entre eles ser maior de idade, non ter sido condenado e dispoñer dun certificado de actitude psicolóxica e física. Tamén é obrigatorio pasealos con bozo e correa.

E queremos deixar moi claro: un animal non é un xoguete, non teñas un se non lle vas dar todo o que necesita, o que che aseguramos serache devolto de sobra. Non compres: adopta, quere e educa.