04/02/2022

“- E a túa media laranxa? – Non teño, eu son froito prohibido”

Valentín, sacerdote da Roma do século III, casaba os namorados en segredo durante a época de Claudio II, quen prohibiu os matrimonios novos porque cría que os solteiros sen familia eran mellores soldados. Morreu martirizado o 14 de febreiro. Aquí empezou a tradición…E non esquezamos ao “gordiño e caprichoso” Cupido, o deus romano do amor, que tamén fai as súas delicias lanzando frechas sen ton nin son (algunha acerta…).

O 14 de febreiro, celébrase San Valentín, o día dos namorados, e certo é que se chegou a converter nunha festividade que proclama máis o consumismo que o amor, ou quizais esta sexa unha consigna dos que non teñen con quen celebrar o amor?

Un detalle, un pequeno regalo, unha saída a comer ou a cear, e por que non, un debuxo ou un poema farán dun día insignificante un día marabilloso. Sexa como for, feliz San Valentín.