Este verán, España volve arder. As imaxes de bosques en chamas, aldeas evacuadas e ceos tinguidos de laranxa repetíronse durante semanas nunha vaga de incendios que xa calcinou unhas 180.000 hectáreas, seis veces máis que o ano pasado por estas datas. Os expertos falan do peor comezo desde aquel fatídico 1994, cando o termo superincendio entrou no noso vocabulario para non saír nunca máis.
Seca prolongada, vagas de calor cada vez máis temperás e unha masa forestal que medrou un 33% desde 1990 e actúa como combustible perfecto: a península é, hoxe máis ca nunca, un polvorín. E detrás de cada hectárea queimada non só hai paisaxe perdida, senón vidas trastornadas, fogares destruídos e veráns rotos.
É nestes momentos cando o seguro deixa de ser un papel nun caixón e se converte nun salvavidas. Convén sabelo: os incendios forestais non están cubertos polo Consorcio de Compensación de Seguros. É dicir, a protección depende directamente da póliza que cada persoa teña contratada.
O seguro do fogar cobre os danos do continente e do contido, a retirada de entullos e mesmo o aloxamento temporal se a vivenda queda inhabitable. O seguro de comercio ou industria pode cubrir a paralización da actividade. O agrario protexe colleitas e gando. E, no caso do coche, as pólizas a todo risco ou a terceiros ampliadas con cobertura de incendio responden ante o lume fortuíto.
Pero, máis alá das coberturas, estes días demostrouse algo aínda máis importante: o factor humano. Compañías, peritos, equipos de asistencia e corredores activamos protocolos extraordinarios, canles directas e recursos especializados para acompañar as persoas afectadas cando máis o necesitaban. O seguro evolucionou desde un papel meramente indemnizatorio cara a un modelo de acompañamento integral.
E aí, en primeira liña, está a figura do corredor: quen coñece a túa póliza, quen te avisa antes de que chegue o problema, quen axiliza o teu sinistro e quen te acompaña no peor momento.
Porque o verdadeiro valor do seguro enténdese xusto cando ocorre o que ninguén quería que sucedese. E ter un bo corredor ao teu lado marca a diferenza entre estar só fronte ao lume… ou non estalo.

13/08/2026